Arxiu d'etiquetes: Villar-Domingo

Un paseo por “A praia dos afogados” [12],[13] e [14]

(Foto: Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 12: Templo Votivo do Mar, Panxón. (30 de decembro de 2009). “Nas primeiras décadas do século XX, o párroco e os fregueses de Panxón decidiran demoler a igrexa antiga, que quedara pequena, para construíren unha dun tamaño maior. [...] Lenvantouse no alto dun outeiro próximo ao arco para que a súa silueta lle servise de guía aos mariñeiros, coas paredes de pedra envolvendo unha cúpula octogonal.” (p. 196)

(Foto: Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 13: Campanario do Templo Votivo do Mar. (30 de decembro de 2009). “A alba estaba a raiar e, baixo a silueta do campanario do Templo Votivo do Mar, a vila espertaba.” (p. 86)

(Foto: Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 14: Detalle do solo. (10 de agosto de 2010). “Rafael Estévez agardou ao pé da costa co motor en marcha mentres Caldas subía ata o Templo Votivo do Mar para devolverlle ao sacerdote a fotografía dos tripulantes do xurelo.” (p. 392)

A igrexa de Panxón destaca efectivamente por encima dos edificios baixos que a rodean. Destaca ademais polo seu aspecto, moi diferente ao doutras igrexas. Eu non a coñecía polo nome de Templo Votivo, nin tampouco coñecía os detalles mariñeiros dos seus chans ata que a lectura da novela fixo que me achegase ata as súas portas.

Villar, Domingo. A praia dos afogados. Vigo: Galaxia, 2009. 504 p. 21 cm. (Literaria/ Galaxia: 273) ISBN 978-84-9865-180-5.

Tartaruga máxica non só leu este segundo caso de Leo Caldas. Tamén fixo algunhas fotos da praia de Panxón.

Un paseo por “A praia dos afogados” [9],[10] e [11]

(Foto de Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 9: Lonxa de Panxón. 10 de agosto de 2010. “Sobre a porta da lonxa, en letras de relevo, líase ‘Praza de abastos municipal, 1942″ p. 88.

(Foto de Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 10: Lonxa de Panxón, intetior. 20 de agosto de 2010. “A fachada de pedra, dunha soa altura, daba paso a unha nave diáfana co piso de cemento pintado de verde” p. 88.

(Foto de Daniel Gonzalez Martin)

Fotografía 11: O letreiro da lonxa. 20 de agosto de 2010. “Unha longa mesa de metal ocupaba o centro da sala, baixo un letreiro que advertía: Prohibido comer, beber, fumar e cuspir” p. 88.

As lonxas de peixe son lugares que tamén me gusta visitar. A lonxa de peixe de Vigo é espectacular polo seu tamaño (creo que é o maior porto pesqueiro de Europa). Un non ten que ser un experto en fauna mariña para quedar abraiado da cantidade de peixe que chega a este lugar do porto. A lonxa de Panxón é tamén espectacular. Non en tamaño, xaora, mais si pola a súa localización, a súa particularidade, polas súas diferencias con outros mercados de peixe… e agora protagonista nun caso de Leo Caldas. Custoume un pouco chegar a Panxón a primeira vez que o visitei. Fun en bus, e resultou ser unha aventura. Se cadra por isto gustoume moito atopar a lonxa aberta e achegarme ao seu interior.

Villar, Domingo. A praia dos afogados. Vigo: Galaxia, 2009. 504 p. 21 cm. (Literaria/ Galaxia: 273) ISBN 978-84-9865-180-5.

O blog Acroloxía tamén leu A praia dos afogados.

Un paseo por “A praia dos afogados” [3],[4] e [5]

Fotografía 3. O Kiosko das Almas Perdidas. 9 de agosto de 2010. (Foto de Daniel Gonzalez Martin) “Na outra banda da rúa, apoiados na barra do Kiosko das Almas Perdidas, mariñeiros e estibadores quentaban os estomagos e compartían confidencias antes de marchar a descansar”(p.74-75).

Que grandísimo nome para un bar! E existe, é dicir, que podemos, se queremos visitalo. É moito máis amplo do que poida parecer, e dentro podemos ver algunha imaxe en sepia, do Vigo antigo. Colgado nunha parede hai un salvavidas co nome do bar gravado… ou se cadra é un “salva-ánimas”?

Fotografía 4. Gaivotas patiamarelas na Badía de Roses (Girona). 31 de marzo de 2007. (Foto de Daniel Gonzalez Martin) “Varias gaivotas voaban sobre eles, e pola ventá aberta do inspector coábase o cheiro penetrante da marea baixa e os chirlos das aves esixindo que algunha peza fose devolta á auga” (p. 80)

A mesma especie: Gaivota patiamarela Larus michaelis que podemos ver en Barcelona. Pero a presenza desta en Vigo é máis notable, probablemente por ser numerosa e tamén máis ruidosa. Un chisco agresiva ás veces, aliméntase dos bocadillos dos bañistas máis despistados da praia de Samil.

Fotografía 5. Diante do Kiosko das Almas Perdidas. 9 de agosto de 2010. (Foto de Daniel Gonzalez Martin)

Aturuxos, pasadas e miradas ameazantes…. quen non se lembra nalgun intre ou outro de Os paxaros, de Hitchcock? Na imaxe, dúas gaivotas da devandita especie á espreita dunha inocente rapaza que non se dá de conta da súa presenza graciñas ao camuflaxe destes animais entre o mobiliario urbano.

P.D: Se o consigo, este paseo por “A praia dos afogados” vai aparecer cada venres. Non podo prometer ren, mais si pedirlle desculpas a aqueles que o pasado martes visitaron este blog buscando máis. Saúdos e boa fin de semana lector@s.

Villar, Domingo. A praia dos afogados. Vigo: Galaxia, 2009. 504 p. 21 cm. (Literaria/ Galaxia: 273) ISBN 978-84-9865-180-5.