Currently viewing the tag: "Reto 2010"

Recoñézoo: ler K foi unha lectura pragmática, unha lectura breve para esa fita que supón atopar un título cun único carácter para o reto2010. Atopeino na biblioteca e lino case de camiño á cadeixa. K ten, máis que poucas páxinas, poucas palabras (unhas 280 tan só). Non teño moito reparo en entreliñar nas miñas lecturas literatura xuvenil. Cada vez vexo mais san e preferible ser ecléctico na lectura. Pero K é unha lectura para moi pequenos. Recoñezo que o lin con escepticismo.

E recoñezo que me gustou moito. K é unha historia que fala da escritura coma liberadora dunha situación persoal angustiosa. Baseada na visión de Kafka da súa infancia atormentada polo seu pai, K fala do achado dunha escapatoria, unha vía de liberdade. Pregúntome un pouco como poidan entender os nenos e nenas de 11 e 13 anos esta historia. En todo caso, basearse nun aspecto da vida deste autor e explicalo como fan Jordi e Montserrat Codina paréceme moi chulo.

Cuchitril literario deume a pista para atopar este libro.

KJordi Codina, Montserrat Codina. Barcelona: Sd, 2008. 22 p. 20 cm. (Cabeza borrada) ISBN: 978-84-9365-786-4.

Tagged with:
 

Propuxéronme facer unha cousa. Trátase do Reto con carácter. En que consiste? Pois en facer unha cousa que a min xa me gusta: ler. Máis O reto proponnos facer unhas lecturas concretas. Non pensades que a elección é pequena ou pechada. Trátase de ler durante este ano varios libros onde o número de caracteres dos títulos estea comprendido entre 1 e 25. Isto é: un libro cun carácter no seu título, un libro con dous caracteres no seu título, e así sucesivamente. Ademais, hai que ler catro recomendacións dunha lista de propostas. A suma dos caracteres é o mesmo número de días deste ano.

Quero invitarvos a aceptar o reto porque paréceme curioso e divertido. Eu fixen unha selección de libros que teño en casa aínda pendentes de ler. Prefiro poder facer isto, porque deste xeito non deixo de ler cousas que teño na miña biblioteca, e unha gran parte dos títulos son xa do meu interese. A páxina podémola consultar en castelán e francés, pero non hai ningunha condición sobre a lingua en que estea escrito aquilo que lemos. Outro detalle xulo é a posibilidade de engadir un enlace de interese na páxina onde rexistramos as lecturas feitas. Vemos deste xeito un recurso consultado polo lector (ou pola lectora) daquel libro.

Pero un aspecto tamén interesante é estar aberto a lecturas inesperadas, ler un libro cun criterio tan anómalo como pode ser o número de caracteres que contén o título. Ler por ler, sen miramentos, sen ter presente autores ou xéneros, e facelo de cando en vez, é un exercicio de lectura moi san. Animádesvos a participar?

Tagged with: