Currently viewing the tag: "O paso do noroeste"

Aquilo que fai referencia nas rexións polares fascíname, aínda que son probablemente rexións que non chegue a visitar nunca (ou será por este motivo). Espértame antipatía a expectación que xera o desexo de explotar economicamente os recursos naturais dos polos. Algúns parecen estar fregándose as mans pensando no negocio, aínda que se trate agora mesmo dunha estimación. Desgústame o seguinte enfoque: cando o prezo sexa suficientemente elevado será rendible extraelo. Aquí cheira a especuladores…

No libro Who owns the arctic Michael Byers fala do conflito sobre a soberanía do ártico desde diferentes puntos de vista (económico, xeopolítico e social) e explica a relación entre Canadá e os países circumpolares, e algún veciño máis. Byers expón a posibilidade e o interese en facer do paso noroeste unha canle internacional para o paso de mercancías. Canadá, claro, reclama a plena soberanía sobre esta canle e defende que se trata de augas interiores do seu territorio.

A illa Suersaq ou de Hans é o exemplo de disputa territorial con que o autor explica o pouco claros poden ser os criterios estritamente xeográficos. Byers fai unha defensa bastante obxectiva en favor da soberanía canadense, e non deixa de sinalar as limitacións do control do goberno sobre unha zona tan inhóspita e extensa. Por exemplo, Byers explica que Canadá non ten rompexeos ou submarinos adecuados para desprazarse pola zona en inverno, cando a capa de xeo é continua. O autor expón deste xeito a cooperación con USA como situación preferible. Esta sería a mellor opción para os dous países e tería vantaxes, por exemplo evitar a deterioración ambiental da zona grazas a un mellor control.

A ocupación histórica da zona quere ser outro factor en favor da soberanía. Aquí é onde o que di Byers gústame máis. A xente de Nunavut hai miles de anos que vive na zona, pero o goberno fala de ocupar esta coma se tivésese que repoboar, coma se non vivise ninguén. Byers sinala a desafección que senten estes pobos, e defende a (re)consideración dos que xa son os habitantes do ártico. É curioso que un “perigo” externo descubra un problema interno. E é loable que Byers dea máis importancia ao consenso dentro do país que a manter unha actitude belixerante en base a ameazas que neste momento se cadra son máis estratexias políticas que outra cousa. Grazas señor Byers por este libro sobre o tema da soberanía do Ártico.

BYERS, Michael. Who Owns the Arctic?: Understanding Sovereignty Disputes in the North. Vancouver: Douglas & McIntyre, 2010. 192 p.; 21.6 cm. ISBN 9781553654995.

Xavier Queipo disimula moi mal que é biólogo. Nótase en moitas das súas Cartas marcadas e   noutros dos seus títulos. Quede claro que non comento esta particularidade como cousa negativa.  Pola contra, penso que isto é unha das cousas que fan interesantes o que escribe. Tamén se nota nesta novela de aventuras ambientada no século XVIII.

O paso don noroeste narra as aventuras do capitán Duchesnoy, escollido para acadar un fito inédito até o momento, que non é outro que atopar un paso polo noroeste até o estreito de Bering para chegar deste xeito ao océano Pacífico (1). O libro está narrado dende o punto de vista dun compilador, que proba de deixar constancia do que sucedeu. O inicio da narración, que describe unha Bruxelas supostamente cosmopolita pero lingüisticamente enfrontada (p.11), faime entrar nunha atmosfera de desacougo. Duchesnoy acepta con poucas matizacións o encargo, e con actitude profesional (diriamos hoxe) prepara o Epee e máis a tripulación. Moitos son os que opinan que a viaxe é unha tolería de éxito pouco probable, que consiste nunha empresa para espertar simpatía cara a unha coroa en horas baixas. Duchesnoy abandona a súa prometida sen moitos miramentos, sen sopesar as consecuencias dunha travesía tan longa na relación da parella. Nesta primeira parte o capitán non me resulta un personaxe admirable, e máis adiante, coa resposta dada ao malentendido cos nativos, até me parece cruel.

Pero a personalidade do capitán cambia ao longo da accidentada viaxe polas costas do Canadá. Ao cruzar o atlántico recibe novas instrucións que o obrigan a desviarse do seu obxectivo científico para atacar unha fortificación inglesa. Este detalle faime pensar en como as prioridades dos gobernos ás veces, e a pesar do contexto histórico diferente, teñen a mesmo orde. No medio dun tira e afrouxa de intereses, e en condicións climatolóxicas extremas, Duchesnoy ten que liderar e esporear á súa tripulación.

Un dos compoñentes desta é o naturalista Jean-Baptiste de Lille de Mirabeau, que abandonou os estudos de medicina polos mesmos motivos que outro naturalista famoso anos máis tarde (2), formouse como físico e por iso acada o cargo de científico do barco . Mirabeau é un dos elementos da contorna a Duchesnoy que modelan a evolución da súa actitude. O capitán admírao. “Non entendo como pode falar do noso planeta con tanta precisión e con tanto coñecemento quen só pode abranguer coa súa ollada unha porción ínfima parte da mesma” (p. 51), dirá sorprendido da sabedoría do vello. Mirabeau fai a viaxe máis interesante coas súas explicacións non só ao lector, se non tamén á tripulación (capitán incluído).

Malia todo, as diferenzas entre o naturalista e o capitán son notables. Este último é un home honesto, pero home dun tempo que está a sufrir moitos cambios (a revolución francesa). Mirabeau, en cambio, é home dos novos tempos, “fala da negación das verdades universais […], que os mundos novos tiñan que ser vividos antes que explicados e, por suposto, antes de te-la capacidade moral de criticalos”. (p. 138-139). Estas diferenzas non son motivo de conflito entre eles, pero si subliñan o acantoamento que sofre Duchesnoy, que non reencontra o seu lugar na nova situación social e política, e que non ten o recibimento merecido.

A lei de Lem

Cuberta do título

Queipo, Xavier (1996) O paso do noroeste Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. 15 x 22.5 cm, 176 p. (Medusa) ISBN-10: 84-7824-287-2.

1 Este fito é nestes días, aínda un fito imposible, ou case. Hai barcos que parece ser que xa poden atravesar unha banquisa de xeo delgada aínda que continua sen a axuda de barcos rompexeos. Desgraciadamente, parece ser que hai xente que xa está a refregar as mans coas posibilidades de que o cambio climático faga minguar a banquisa de xeo até o punto de ser navegable todo o ano.

2 Char les Darwin.