Currently viewing the tag: "Leo Caldas"

É Domingo Villar o “noso Camilleri”, un “Camilleri galego”? Eu non estou moi versado en novela negra, pero os dous autores gustáronme por igual (coas súas diferencias, claro) Téñoos un a carón do outro no andel da miña biblioteca persoal. A resposta a pregunta é que non. O universo Leo Caldas está moi lonxe de chegar a se parecer ao universo Montalbano. Ademais, estou seguro que o autor de Ollos de auga rexeitaría esta comparación axiña.

Leo Caldas afróntase no seu primeiro caso ao asasinato con crueldade do músico Lois Reigosa. Éste ten a característica física de ter os ollos dunha cor moi clara. A novela ten case de todo: asasinato, intriga, supostos culpables, supostos inocentes, un inspector sensíbel e tímido, un compañeiro (Rafael Estévez, maño pero moi galego no seu falar) que nos da o contrapunto do humor na historia e que recordaremos tanto como a Caldas unha vez rematada a lectura, asasinos por resentimento, cómplices arrepentidos, e unha moi linda homenaxe a cidade de Vigo, engadindo esta a lista de cidades grandes decorados do xénero.

Quere dicir isto que Ollos de auga é unha novela barroca, ou sobrecargada de elementos? Ren disto. A historia é moi sinxela, con capítulos abertos pola definición de dicionario da palabra “clave” do que sucede. Pero non pasa o mesmo coa trama, que soo é simple nun principio. Domingo Villar coloca intelixentemente unha serie de pezas sinxelas para que o todo sexa moito máis que suma das pezas por separado. Se cadra, esta novela non ten a crítica social que parecen ter os títulos recentemente publicados que son tan populares nas librarías. Pero é, penso, un retrato fiel da filosofía galega fronte a vida, desa actitude vital particular dos galegos e galegas. Tamén vexo unha metáfora na mestura da música da zanfona coo Jazz a mestura que se percibe en Galiza do moderno coo tradicional. Unha percepción, tal vez, persoal e miña nada mais. Xa vedes, vou inaugurar o club de siareir@s  “Leo Caldas”, senón existe xa.

Gustoume tanto o que ten Ollos de auga de novela urbana, que non puiden (non quixen) evitar facer unha especie de percorrido pola cidade nas miñas vacacións. Busquei e fotografei os lugares que aparecen na novela conforme ía lindo. Estas fotografías van aparecer, como sucede nos quioscos neste mes de setembro, por entregas e baixo a etiqueta Un paseo por Ollos de auga. Estades invitados, madia leva.

Villar, Domingo. Ollos de auga. Vigo: Galaxia, 2007. 240 p. 21 cm. (Literaria/ Galaxia: 233) ISBN 978-84-8288-927-6.

O pasado més de maio o programa “Página2” entrevista a Domingo Villar.

“Caldas lembraba as palabras do seu pai cando insistía en que podía coñecer aos homes simplemente atendendo ao que beben ou ao que len”

Esta sentencia aparece na páxina 37 dunha novela que rematei onte e que me abraiou moi gratamente. Leo Caldas é o inspector protagonista da historia (Ollos de auga)  é Domingo Villar o autor desta novela urbana. Unha homenaxe a cidade de Vigo que vai ser reseñada neste blogue sen dúbida. Pero cando o pai de Caldas dí isto, ¿quere dicir que somos dun xeito e entón facemos unhas determinadas lecturas, ou quere dicir que determinadas lecturas fannos dunha maneira?

Villar, Domingo. Ollos de auga. Vigo: Galaxia, 2007. 240 p. 21 cm. (Literaria/ Galaxia: 233) ISBN 978-84-8288-927-6.