Currently viewing the tag: "Joseph Conrad"
“Diante do mar e das súas paisaxes, Conrad é un homérida: ninguén o describiu con máis grandiosidade nin con máis naturalidade que Joseph Conrad, nin ninguén demostrou ter, como el, unha sensibilidade máis aguda para recoller os seus infinitos matices —na graza e na desgraza dos homes que navegan. As súas atmosferas, ambiente e influencias son dados cunha perfección tal e un tal acabado que ninguén puido entender aínda o quid do seu procedemento” Josep Pla

-+-+-+-+-+-+-+-

Recupero este anecdotario de citas que tiña unha chisca esquecido, e fágoo da man dun dos meus autores preferidos: Joseph Conrad. Xa hai tempo que tiña coñecemento da admiración de Josep Pla por Conrad. Lémbrome dalgunha cita semellante a esta nun folleto publicitario con motivo dunha regata deportiva con saída en Barcelona. Mais esta que atopo con motivo dunha nova tradución, por ser máis longa e máis linda, paréceme a mellor.

Tagged with:
 

David Vann considera ás mulleres “moito máis completos que os homes”. A opinión deste autor que promocionaba a súa primeira novela (Skuwan island) en Barcelona lévame á lembranza de diferentes personaxes femininos das novelas de Joseph Conrad. Este último parece ser da mesma opinión que Vann. Fago esta suposición a partir da seguinte “sentenza” que aparece en Bajo la mirada de occidente, que di….

Creo que nunca se pode enganar por completo a unha muller. As que están perdidas dan o seu chimpo ao abismo cos ollos abertos. (p. 213)

Non é o único exemplo que me chega á memoria. A moza que en El cuento pide de xeito aparentemente caprichoso que se lle explique unha historia, dáse conta deseguido do sentimento de pesar do home que teme non haber sido xusto. A filla do capitán de Con la soga al cuego bástalle ler a carta para recoñecer o sacrificio feito polo seu pai. E a esposa de Lord Jim, que dicir da rapidez con que se dá conta do que vai facer o seu marido, sen que medie palabra algunha, coma se adiviñase o seu pensamento. Non lin todo o que me gustaría de Conrad, pero sospeito que deben haber máis exemplos como estes.

As mulleres de Conrad son certeiras, non dubidan, non se confunden… e resultan un marcado contrapeso á carón deses outros personaxes atormentados por algún motivo ou outro. Non faría máis que anotar unha coincidencia se non tivese falado sobre isto co lector errante, que me sinala un aspecto no que non pensara. As mulleres de Conrad son como son porque son inconscientes, porque a súa consciencia non padece a tortura que si sofren outros personaxes.

E como non podemos ter de Conrad nin novas opinións nin matices ás xa coñecidas (si no caso de Vann), só podemos facer conxecturas a partir da lectura. Cousa que me parece algo xenial, cando o que provoca é o noso debate, re-lectura e intercambio de opinións entre lectores.

-+-+-+-

CONRAD, Joseph. Bajo la mirada de Occidente (Under western eyes. 1911). Tradución de Bárbara McShane e Javier Alfaya. Madrid: Alianza, 2006. 426 p.; 18 cm. (Biblioteca de autor; 0822). ISBN: 9788420660226.

“Ah, unha biografía?”. Este foi o comentario dunha persoa sobre este libro que tiña encima da mesa de clase. É certo, non é un xénero popular. Eu, aparte desta, só recordo ter lida algunha sobre Charles Darwin.

“Toda biografía contén inevitablemente elementos de ficción”. (p.11), di John Stape no prólogo, onde explica o rigoroso traballo que fixo. Eu considero que fixo tamén un exercicio de honestidade e de respecto con aquilo que realmente está documentado sobre Conrad. “De ser certo”, ou “se realmente sucedeu” son algunhas das expresións que utiliza Stape para subliñar a limitada veracidade dalgunhas fontes.

Esta biografía non  é unha biografía literaria, trátase máis ben dunha descrición das diferentes etapas da vida de Conrad. As referencias ás súas obras son inevitábeis e de agradecer. (Aínda que non sempre. Neste sentido parécenme moi contundentes os comentarios a The rescue e máis The gold arrow, que son libros que non hai que ler, se facemos caso do que di sobre estes títulos).

Gustoume especialmente a parte que fala do Conrad mariñeiro, e de como Stape explica en que capitáns e tripulantes compañeiros do escritor da Galiza (do este de Europa) puideron inspirar algúns dos seus personaxes. A vida do Conrad escritor profesional tamén me pareceu moi interesante. Non tiña coñecemento da popularidade de Conrad en vida e sorprendeume o mundo editorial da época. Conrad era un autor moi popular que asinaba contratos polas súas obras e non un autor que recibise un pequeno tanto por cento do que publicaba. Doulle a esta parte do libro un valor instrutivo na historia da edición.

Pero Conrad, por un motivo ou por outro, non conseguía xestionar a súa economía con moderación. A angustia polos problemas de diñeiro, o malestar físico e preocupacións familiares son a tónica na derradeira parte da biografía, que debuxa un Conrad triste e desconforme. Era esixente coa súa escritura e lamentaba non chegar a un maior número de lectores, pero tímido e nervioso ante a multitude (na súa visita aos Estados Unidos de América).

Stape descóbreme un Conrad distante nos seus últimos anos, solitario e complexo. Un final quizais irremediábel para un home que ve como o mundo que estima cambia (a maneira de navegar, a guerra…) non para mellor. Mais aínda que con final triste, a pesar do ton queixoso e infeliz, non pechei o libro con desgusto. Quédame todo aquilo escrito por Conrad para recuperar o bo gusto da súa narrativa xenial e única.

Joseph Conrad debuxado por NCMallory (http://www.flickr.com/photos/augustusswift/)

STAPE, John H. Las Vidas de Joseph Conrad. (The several lives of Joseph Conrad . 2007) Trad. de Ramon Vilà. Barcelona: Debolsillo, 2009. 543 p.; 19 cm. (Biografía; 228) ISBN 9788483460689.

Imaxe:  Smoking artists: Joseph Conrad (Polish/ English Writer) by NCMallory (http://www.flickr.com/photos/augustusswift/) [consultado: 14 decembro 2010]

 

“A desesperanza de quen se cre covarde, porque cedeu a unha debilidade momentánea, cando críase valente”. André Gide

Hoxe quero facer dúas cousas. A primeira, invitarvos a ler o lindísimo texto de Jacinto Antón que apareceu no xornal El Pais hai unhas semanas (se non o coñecedes xa), que é onde atopei esta referencia a Lord Jim do seu amigo André Gide. A segunda é, só se estades preto de Barcelona, invitarvos a participar no concurso que fai a Biblioteca Les Corts Miquel Llongueras con motivo do seu 10º aniversario. Este basease precisamente en acertar un título a partir dunha breve descrición do que acontece nel. Os títulos a adiviñar non son difíciles, e hai agasallos para os acertantes.

Antón, Jacinto. Lord Jim vuelve al mar. en: El Pais Tentaciones de verano. <http://www.elpais.com/articulo/revista/agosto/LORD/JIM/VUELVE/MAR/elpten/20100814elpepirdv_8/Tes> [Consulta: 12 outubro de 2010]

Tagged with:
 
A lei de Lem

Uns amallós con mesaxe

Atopei esta cita de Joseph Conrad nunha caixa de zapatos dunha marca con nome de país sudamericano. A cita estaba escrita na cinta que envolvía o agasallo. A mesma cita e a súa versión orixinal atópanse tamén nunha bolsa desta marca de zapatos. “I thought it was an adventure, but in fact it was life”. Foi unha sorpresa moi agradábel e decidín engadila aquí.

Tagged with:
 

“De verdade creo que lemos de xeito distinto un libro cando sabemos até os detalles máis banais da vida do seu autor”. Anne Michaels

Pásame a miúdo coa xente coa que vou ao cine. Moitos prefiren non ter información sobre o que imos ver, e rexeitan ler a sinopse do filme. Coñezo algúns moi fieis a esta actitude. Eu nunca lle din importancia, e as veces lía sobre o argumento e as veces non. Merquei a biografía de Joseph Conrad, de John Stape, hai unhas semanas. Agora esta opinión de Michaels convénceme de rematar primeiro as lecturas que teño pendentes do autor de Berdichev antes de ler a devandita biografía.

A cita de hoxe recollina da columna de Antonio Muñoz Molina na revista Babelia.

Stape, John (2009) Las Vidas de Joseph Conrad (The several lives of Joseph Conrad. 2007) Trad. de Ramon Vilà. Barcelona : Debolsillo, 2009. 543 p. 19 x 12.5 cm. (Biografía: 228) ISBN: 978-84-8346-068-9.

Tagged with: