Currently viewing the tag: "Evolución biolóxica"
“[…] a selección natural non actúa meramente como un cedazo, eliminando ás mutaciones deletéreas e favorecendo ás beneficiosas; a longo prazo, no transcurso de millores de anos e millóns de xeracións, integra as mutaciones en conxuntos coherentes, desde o punto de vista adaptativo, como resposta ás condicións ambientais. É a selección natural a que dá direccionalidad aos cambios, orienta o azar e lenta e progresivamente produce estruturas máis complexas, novos órganos e novas especies. As novidades xorden a partir de novas asociacións de material xa existente, non imaxinadas previamente.” (páx. 96)

3243076_851c56acCharles Darwin mural, Sidney Street, Sheffield (Neil Theasby) / CC BY-SA 2.0

Que pracer de lectura, que agasallo máis lindo. Remateino e pecheino case emocionado. Se che gusta a divulgación e máis o tema da evolución biolóxica o libro gózase de principio a fin, sen pausa, e convértese nunha lectura-vicio no mellor dos sentidos. A min pasoume deste xeito. Pero que a min me gustara non é motivo para lelo. Porqué tedes que achegarvos a este título?

Eu teño cinco razóns:
1) Estar escrito dirixido a todo o mundo cunha escrita moi clara e didáctica.
2) Estar ordenado nunha secuencia de capítulos aclaratoria.
3) Por conter unha actualización de temas ofrecéndonos o consenso máis recente. A min gustoume especialmente o capítulo 4 (A orixe das especies), que mostra como o proceso de especiación simpátrica e a hibridación comprobáronse máis frecuentes daquilo esperado, e matiza estudos anteriores que dan unha xeneralización ancho ao proceso de especiación alopátrica. O libro tamén nos pon ao día nos últimos adiantos e achados en relación á evolución.
4) Incluir outros temas expandindo a importancia de entender o concepto evolutivo en medicina e medio ambiente.
5) Porque se molla, con respecto e obxectivismo, sobre a relación entre evolución e as crenzas relixiosas, á vez que nos alerta dos que nos queren confundir co engano. Neste sentido, o último capítulo (Homo racional fronte Homo emocional) é interesantísimo. É un libro en si mesmo, cun final exquisito.

O libro non é perfecto, xaora. Os recadros que se intercalan no texto teñen unha letra pequena de máis e son de lectura incómoda, malia que fan inciso en temas importantes. Unha das cousas que defende o libro é a vixencia da teoría proposta por Darwin e Wallace. Isto non é máis un mérito do libro, e si un mérito da teoría que elaboraron estes naturalistas. Mantén e reaviva a admiración que a selección natural aínda esperta. Quen non podería gozar da súa lectura? Quizais os afines á interpretación máis heterodoxa do tema…. Non. Realmente penso que estes tamén agradecerán dedicar o tempo que o libro nos pide.

Charles Darwin naceu hoxe hai 205 anos.

sesbe5_450FONTDEVILA, Antonio; SERRA, Lluís. La Evolución biológica: una reconstrucción darwinista. Madrid: Síntesis; Sociedad Española de Biología Evolutiva, 2013. 480 p.; 21 cm. ISBN 9788499588704

As primeiras páxinas deste libro son unha advertencia de como o creacionismo pretende gañar terreo nos Estados Unidos e de que xeito Europa comeza a ser obxectivo desta ideoloxía. Non hai dúbida que este perigo é unha das cousas que espolearon Jerry A. Coyne a escribilo. E disto é proba o mesmo libro e o blog que ten o mesmo título (Why evolution is true), un excelente recurso que actualiza aspectos tratados no libro, ademais de engadir outros.

“A evolución ofrécenos un relato certo das nosas orixes que substitúe aos mitos que durante miles de anos satisfixeron a nosa curiosidade. A algunhas persoas isto parécelles profundamente perturbador: a outras, inefablemente excitante.” páx 15.

A lectura deste libro permitiranos saber que argumentan os creacionistas en contra da evolución e como de erradas están estas obxeccións. Aparecen ao longo do texto para ser tombadas, de xeito respectuoso e razoada, unha detrás da outra, capítulo a capítulo.

“A aparición das especies ao longo do tempo, tal como pódese ver nos fósiles, está moi lonxe de ser aleatoria. Os organismos simples evolucionaron antes que os complexos, os antepasados que se predixeron, antes que os seus descendentes. Os fósiles máis recentes son os máis parecidos ás especies vivas. E dispoñemos de fósiles transicións que conectan os principais grupos. Ningunha teoría da creación especial, ningunha teoría que non sexa a evolución, pode explicar estes patróns.” páx 5.

Un motivo para comezar a súa lectura é simplemente somerxinos na compaña deste experto no fascinante tema da teoría da evolución. (Ata me sento tentado a recomendarvos non ler o prólogo, para evitar unha posible actitude belixerante polo tema do creacionismo). Certo que de libros divulgativos sobre a evolución hai uns poucos. Este ten cousas que a min me gustaron moito. Por unha banda, unha linguaxe próxima e clara que invita a proseguir a lectura. Para comprobalo só hai que ler o capítulo ‘Que é a evolución’ , deliciosamente aclaratorio e conciso: a perfecta introdución ao tema para calquera. Por outra, a inclusión de novas probas a partir de descubrimentos en xenética, que lle dan un valor engadido ao libro pola súa actualidade, e que están explicados de xeito sorprendentemente accesible.

E se as incursións do creacionismo son periódicas, tal como di o autor, outro motivo para lelo é recoller argumentos que nos permitan discernir que forma parte da teoría da evolución e que forma parte do dogma relixioso.

“O máis soado de todos [exemplo da selección en acción], que non elaborarei aquí en detalle porque xa foi descrito a fondo (por exemplo, no soberbio libro de Jonathan Weiner, The Beak of the Finch: A Story of Evolution in Our Times), é a adaptación dun ave a un cambio de clima anómalo. O Pimpín de Darwin (Geospiza fortis) da Illas Galápagos foi estudado durante varias décadas por Peter e Rosemary Grant, da Universidade de Princetown, e os seus colaboradores. En 1977, unha forte seca nas Galápagos reduciu de xeito drástico a dispoñibilidade de sementes na illa Dafne Maior. Este Pimpín, que normalmente prefire comer sementes pequenas e brandas, viuse forzado a recorrer a sementes máis grandes e máis duras. Varios experimentos mostraron que só as aves máis grandes, con pico máis grande e robusto, poden romper con facilidade as sementes duras. O resultado foi que só os individuos de pico grande puideron alimentarse adecuadamente, mentres que os de pico pequeno morreron de inanición ou quedaron demasiado débiles para reproducirse. Os sobreviventes de pico grande deixaron máis descendentes, e á seguinte xeración a selección natural incrementara o tamaño medio do pico nun 10 por 100 (o tamaño corporal tamén aumentou). Esta taxa de evolución é vertixinosa, moito máis rápida que nada que vexamos no rexistro fósil. En comparación, o tamaño do cerebro humano aumentou no linaria humano ao redor dun 0.001 por 100 por xeración. Todo o que require a evolución por medio da selección natural quedara documentado a satisfacción polos Grant en estudos previos: os individuos da poboación orixinal variaban na profundidade do pico, unha gran proporción desa variación era xenética e os individuos con picos distintos deixaron un número de descendentes distinto na dirección predita.” (páx. 178)

Fonte: http://www.flickr.com/photos/putneymark/1351694843/in/set-72157601810082531/

Recollo hoxe un fragmento do excelente libro de Jerry A. Coyne para falar doutro libro que eu lira hai tempo, penso que no 2007 máis ou menos. Trátase do título de Jonathan Weiner “O pico do pimpín: unha historia da evolución nos nosos días”, que recibira o Premio Pulitzer no ano 1995 na categoría xeral de non ficción. Coyne recolle, facendo referencia ao traballo do matrimonio Grant, unha proba máis da realidade da evolución. Fágoo co convencemento que sempre temos que deixar que os verdadeiros especialistas sexan “os primeiros en falar”, e tamén, que eu non tería unha proposta mellor para vos convidar á lectura entrambos títulos.

COYNE, Jerry A. Por qué la teoría de la evolución es verdadera. (Why evolution is true. 2009). Traducción de Joan Lluís Riera. Barcelona: Crítica, 2009. 364 p. 24 cm. (Drakontos). ISBN 9788498920222.

WEINER, Jonathan. El pico del pinzón: una historia de la evolución en nuestros días. (The beak of the finch. 1995) Trad. Manuel Pereira. Barcelona: Galaxia Gutenberg, 2000. 13 x 21 cm, 529 p. ISBN: 9788481093650