Currently viewing the tag: "Darwinismo"

As primeiras páxinas deste libro son unha advertencia de como o creacionismo pretende gañar terreo nos Estados Unidos e de que xeito Europa comeza a ser obxectivo desta ideoloxía. Non hai dúbida que este perigo é unha das cousas que espolearon Jerry A. Coyne a escribilo. E disto é proba o mesmo libro e o blog que ten o mesmo título (Why evolution is true), un excelente recurso que actualiza aspectos tratados no libro, ademais de engadir outros.

“A evolución ofrécenos un relato certo das nosas orixes que substitúe aos mitos que durante miles de anos satisfixeron a nosa curiosidade. A algunhas persoas isto parécelles profundamente perturbador: a outras, inefablemente excitante.” páx 15.

A lectura deste libro permitiranos saber que argumentan os creacionistas en contra da evolución e como de erradas están estas obxeccións. Aparecen ao longo do texto para ser tombadas, de xeito respectuoso e razoada, unha detrás da outra, capítulo a capítulo.

“A aparición das especies ao longo do tempo, tal como pódese ver nos fósiles, está moi lonxe de ser aleatoria. Os organismos simples evolucionaron antes que os complexos, os antepasados que se predixeron, antes que os seus descendentes. Os fósiles máis recentes son os máis parecidos ás especies vivas. E dispoñemos de fósiles transicións que conectan os principais grupos. Ningunha teoría da creación especial, ningunha teoría que non sexa a evolución, pode explicar estes patróns.” páx 5.

Un motivo para comezar a súa lectura é simplemente somerxinos na compaña deste experto no fascinante tema da teoría da evolución. (Ata me sento tentado a recomendarvos non ler o prólogo, para evitar unha posible actitude belixerante polo tema do creacionismo). Certo que de libros divulgativos sobre a evolución hai uns poucos. Este ten cousas que a min me gustaron moito. Por unha banda, unha linguaxe próxima e clara que invita a proseguir a lectura. Para comprobalo só hai que ler o capítulo ‘Que é a evolución’ , deliciosamente aclaratorio e conciso: a perfecta introdución ao tema para calquera. Por outra, a inclusión de novas probas a partir de descubrimentos en xenética, que lle dan un valor engadido ao libro pola súa actualidade, e que están explicados de xeito sorprendentemente accesible.

E se as incursións do creacionismo son periódicas, tal como di o autor, outro motivo para lelo é recoller argumentos que nos permitan discernir que forma parte da teoría da evolución e que forma parte do dogma relixioso.

Xa hai tempo que deixamos atrás o Ano Darwin e agora réstanos a colleita daquilo que apareceu publicado baixo o paraugas desta efeméride. Eu celebro atopar entre estes títulos algunhas traducións que quizais non teriamos ou nos chegarían máis tarde. Celebro moito menos algúns títulos que sospeito son froito do oportunismo editorial. E celebro moito a aparición de “Los retos del Darwinismo: ¿una teoría en crisis?”, que non ten ningunha das de características antes comentadas  (apareceu o ano anterior ao bicentenario).

Os retos do darwinismo é un título que me esperta admiración pola exposición tan clara que fai das ideas de Darwin. Cada capítulo trata un tema (podedes ver o índice aquí) de xeito sintético, pero non aforradora. Exponse a teoría ou pensamento erróneo e arguméntase a refutación. Nalgún caso ata unha pregunta retórica serve para axudar a explicar a imposibilidade dun argumento. Cada apartado dentro de cada capítulo explica dun xeito eficiente, sen dar voltas innecesarias á idea exposta.

O libro non é un simple título de divulgación sobre o tema, vai máis aló. Até o capítulo 8 trátanse os temas máis “clásicos”, os probablemente máis coñecidos. Mais a continuación trátanse investigacións máis recentes. Unha boa oportunidade para o lector de achegarse aos traballos de Sean B. Carroll e M.J. West-Eberhard, entre outros. Moreno “ofrécenos caviar” explicando brevemente mais con precisión que importancia teñen para o darwinismo as achegas da Evo-devo (bioloxía evolutiva do desenvolvemento) e a plasticidade fenotípica.

Hai que anotar que o autor desmonta capítulo tras capítulo cada unha das moitas teorías que non superan o exame do consenso darwinista. “O verdadeiro arquitecto segue a ser a selección natural” (páx. 219) Neste sentido, o autor ten en cada capítulo unha bala para cada heterodoxo (E nalgún caso máis dunha). Pero que quede claro que a retranca fágoa eu. O autor non deixa en ningún momento de tratar co máximo respecto toda teoría e todo autor nomeado no libro, e nalgún caso cunha certa nostalxia cara algúns autores polos que tivo especial simpatía (é o caso, por exemplo, de Stephen Jay Gould).

Os retos do darwinismo é unha excelente fonte de referencia na súa forma (ademais dunha completa bibliografía ten unha compilación de lecturas recomendadas moi interesante) e polo seu contido. Até aquí, e para min, xa é o mellor libro que podemos atopar no contexto do bicentenario de Darwin. Pero quizais aquilo que o fai único é que é un libro escrito por un experto e lector sobre o tema. É de agradecer que o autor nos axude entender o darwinismo e nos amose unha exposición do consenso actual. Por certo, de crise no darwinismo, ningunha.

MORENO KLEMMING, Juan. Los Retos actuales del darwinismo: ¿una teoría en crisis? Madrid: SESBE, Síntesis, 2008. 381 p.; 22 cm ISBN 9788497565752.

Que pijo este Darwin! Non o digo porque tivese diñeiro, porque viñese dunha familia acomodada, ou porque se puidese permitir facer a viaxe que fixo no Beagle durante cinco anos como se dun ano sabático se tratara. Dígoo porque leo na súa autobiografía que antes de empezar estudos, xa o facía cunha despreocupación total, coa tranquilidade que dá non ter a necesidade de atopar unha saída profesional. Unha situación que moitos, creo, non podemos contemplar. Mais imos a outros temas máis importantes que tamén se mostran no libro.

Quero falar da edición que lin, única por varios motivos. Traducida por Jaume Terrades e cunha introdución de Martí Domínguez, trátase da primeira edición non censurada da obra e tamén en lingua catalá deste título. Contén tamén toda unha serie de imaxes sobre personaxes e lugares relacionados co naturalista, ademais de varias notas ao pé de páxina que complementan a lectura. Unha verdadeira novidade neste ano Darwin*. Ben, sempre poderemos resentirnos da lentitude coa que chegan ata nós as traducións deste autor (máis de 100 anos no caso desta autobiografía).

Que sociedade, a Victoriana, tan particular e nalgúns aspectos tan contraditoria. Por unha banda tan firme nalgunhas actitudes e tan aberta a outros… O motivo da censura por parte dos familiares de Darwin foi que este facía xuízos sobre o xeito de facer e pensar de persoas próximas.

“O que máis lle gustaba era sacar conclusións de pequenas observacións feitas durante un longo tempo. O seu xuízo era excelente, tiña unha cabeza moi equilibrada, mais non creo que se puidese dicir que posuía un pensamento moi orixinal”. (p. 69).

Isto di de Henslow. Seguidamente, na páxina 103, di de Robert Brown que

“Tiña inmensos coñecementos, moitos dos cales morreron con el, porque tiña demasiado medo de cometer algún erro”.

Máis adiante (p. 109) de Herbert Spencer di que

“non son consciente de aproveitar nada […] para a miña obra. O seu xeito dedutivo de tratar todos os temas é completamente oposta ao meu marco mental”.

É comprensible, por unha banda, que os censores visen estas opinións un chisco ásperas. Eu creo que non o son . Axúdame a distancia, xaora. Mais Darwin o que fai é mostrar en que medida é congruente cun pensamento lóxico, científico. Ao longo da súa biografía fai patente a súa dedicación:

“Nunca antes  entendera […] que a ciencia consiste en xuntar feitos para poder extraer leis xerais ou conclusións.” (p. 73);

ou tamén na páxina 116,

“a miña principal distracción e única tarefa na vida foi o traballo científico: e a excitación que me produce faime esquecer o meu malestar diario ou afástao”.

Outro motivo de censura foron as súas opinións sobre a relixión. Mais Darwin non fai outra cousa aquí que xulgar “cientificamente”, do mesmo xeito que o fai cara a súa tarefa, as súas obras e os seus colegas.

“Nunca me afectou o pensamento de ata que punto era ilóxico dicir que cría naquilo que non podía entender e que, de feito, non se pode entender”

di (p. 64) de cando daba por certo aquilo escrito na Biblia.

“[…] calquera home normal necesitaría as evidencias máis claras para crer nos milagres en que se basea o Cristianismo” (p. 89)

afirma máis tarde. Darwin, congruente co seu razoamento, só pode mostrarse escéptico (e agnóstico) ante estes temas. A súa familia, non obstante, viu quizais unha actitude máis atea da preferida. Dubido moito que Darwin quixese polemizar minimamente con nada ou ninguén. De feito, deixa claro que o seu escrito é “unha explicación sobre min mesmo, coma se estivese morto noutro mundo e repasase a miña vida” (p. 36).

O último aspecto que quero comentar, porque me gustou lelo, é a súa consideración cara a Wallace. O que nun principio foi un “entroncamento de plans” que precipitou a redacción de A orixe das especies, resultou un beneficio, de acordo co que confesa Darwin:

“[…] o seu ensaio [o de Wallace] sen dúbida axudou á recepción da teoría” (p. 123).

Darwin non ten inconveniente en encomiar ao seu suposto competidor:

“O ensaio do Sr. Wallace […] estaba expresado admirablemente e era moi claro”.

Recoñece que

“Entón eu non sabía ata que punto el tiña unha disposición nobre e xenerosa”.

Un xuízo xusto e de cabaleiro, de investigador íntegro e honestidade, que a través desta autobiografía “escoitamos “directamente da súa propia voz.

Darwin, Charles. Autobiografia: edició no censurada. Tradución do inglés de Jaume Terradas; introducción de Martí Domínguez. [València]: Universitat de València, DL 2008. 150 p. 21 cm. (Mètode; 3). ISBN: 978-84-370-7328-6