Arxiu d'etiquetes: Darwin 2009

Unha cita coa lectura (13): o moneco “Darwin”

A lei de Lem - Daniel Gonzalez Martin

“Darwin escribiu unha vez que el nunca foi un ateo… e que agnóstico sería o xeito máis correcto de describir a súa forma de pensar”.

Este pequeno xoguete foi un agasallo simpático que me fixeron hai tempo. É máis famoso do que poida parecer nun principio, pois aparece tamén no programa de Eduard Punset (Redes), a carón do voante do taxista. A caixa ten detrás esta cita sobre o pensamento de Darwin no referente á relixión. Gustoume atopar que o meniño levaba unha referencia a súa persoa, pero témome moito que na súa autobiografía, editada sen censura este Ano Darwin por primeira vez, deixa claro que a súa verdadeira actitude é máis próxima ao ateísmo que ao agnosticismo.

O libro amarelo de Darwin

O Ano Darwin é unha efeméride da que estou gozando moito, aínda que xa se arrefriou un pouco. Cando atopei este título na librería díxenme que lería todo aquilo que se publicase ao redor a figura de Darwin. A medida que se publicaban máis e máis títulos, deime conta que facelo seria un esforzo titánico que dificilmente lograría. Malia renunciar a facer esta lectura exhaustiva das novidades do bicentenario, tanto Darwin como a evolución serán temas recorrentes neste blogue. O motivo é, simplemente, que é un tema que me gusta.

Charles Darwin é unha biografía breve escrita a seis mans (porque é impensábel que alguén escriba xa de puño e letra) por tres expertos no científico e na súa época. Entre estes está Janet Browne, autora da biografía máis extensa e completa que coñezo e tamén dun título sobre a redacción e publicación de A orixe das especies. Pero esta biografía é sobre todo unha biografía do seu pensamento, da idea da mutación dos organismos, e do recibimento desta por todas partes. Como é este recibimento déixao claro os autores, con retranca, na páxina 124:

“[…] pero as súas teorías eran demasiados materialistas para os idealistas, demasiado capitalistas para os socialistas, demasiado empiristas para os alemáns e demasiado inglesas para os franceses”

En calquera caso, a primeira parte do libro fala dun ambiente moito máis favorable do que eu supoñía, polo menos na súa contorna máis próxima. Fala dos naturalistas amigos e compañeiros de profesión (algúns destes anteriores a Darwin) que o apoiaron e o esporearon, así como do punto de inflexión que supuxo a lectura de Malthus e do catalizador que foi a carta de Alfred R. Wallace, que tiña entre mans un traballo coa mesma teoría. Os tres biógrafos non deixan de banda mencionar a orde e sistematización da súa metodoloxía na procura, nin da súa (extrema?) prudencia á hora de redactar os seus escritos. Dúas cousas chamáronme especialmente a atención. Unha é sobre a morte da filla de Darwin. Os autores non nos dan moita información biográfica pero si precisan que a herdanza era o aspecto dentro da teoría que el aínda non podía explicar, e que isto mesmo engadía desacougo á morte da nena. A outra é a “conquista” do darwinismo por parte dos humanistas. A selección natural xa non ten un peso tan grande para os científicos, ou ben non é o único mecanismo que actúa. O cambio de paradigma que propón a teoría da evolución no pensamento fai que sexa imposible separar a carga ideolóxica da súa explicación científica. Chegamos aquí ao nacemento do Darwinismo.

Charles Darwin non é un libro imprescindíbel, pero si unha moi boa aproximación ao pensamento de Darwin. Un libro pequeno que, ao meu parecer, non deixará de destacar notablemente de entre o alude de novidades do bicentenario.

Cuberta do título

Desmond, Adrian; Moore, James; Browne, Janet (2008) Charles Darwin (2007) Trad: Antoni Martínez Riu. Barcelona:  Herder. 12 x 20 cm, 165 p. ISBN-10: 84-254-2579-0.