Currently viewing the tag: "Charles Darwin"

“As verdades científicas, por natureza, permanecen até ser descubertas por quen sexa que teña a capacidade de facelo. Se dúas persoas diferentes descobren unha mesma cousa en ciencia, será a mesma verdade. A diferenza das obras de arte, as verdades científicas non mudan a súa natureza en función dos seres humanos que as descubriron. Isto supón tanto unha gloria como unha limitación para a ciencia. Si Shakesperare non vivise, ninguén escribira Macbeth. Se Darwin non vivise, alguén descubriría a selección natural. De feito, alguén o fixo: Alfred Russell Wallace.”

Richard Dawkins (2002)

Non atopo ningún defecto a este texto. Se cadra un pouco taxativo no intre de falar das verdades científicas. Mais, aparte diso, gústame moito. Pola comparación entre ciencia e arte, e sobre todo, pola mención, tal como está feita, a Alfred Russell Wallace. Saúdos.

+-+-+-+-+

DARWIN, Charles R; WALLACE, Alfred R. La Lluita per la vida. Traducció de Juli Peretó; introducció de Manuel Costa i Juli Peretó. Valencia: PUV, 2008. 89 p.; 18 cm. (Breviaris; 20). ISBN 9788437071312

O ano 2009 deixounos unha dobre efeméride: 200º aniversario do nacemento de Charles Darwin e o 150º aniversario da publicación de A orixe das especies. O mundo editorial axitouse e aproveitou o acontecemento. A colleita do 2009 deixounos unha chea de novos títulos e algunhas edicións revisadas, como por exemplo a autobiografía non censurada de Darwin.

Non podo afirmar que este breve título compilado por Peretó pertenza á mencionada fornada, pero si podo dicirvos que é un gran texto, malia a súa curta extensión. Trátase dunha escolma de textos e cartas entre Darwin e outros naturalistas. Un deles é Alfred R. Wallace, que lle achega un escrito que dilucida a mesma teoría que el. Este escrito é, en opinión do mesmo Darwin, dunha claridade e síntese que el non sería quen de acadar.

A escolma dos textos é moi coidadosa. As cartas amosan a un Darwin preocupado pola enfermidade do seu fillo e tamén pola chegada do escrito de Wallace, que ameaza a exclusividade da autoría sobre a teoría da selección natural. Pero as cartas demostran tamén que Darwin non ten que temer por isto último. Por unha banda, porque é tamén unha carta a Asa Gray a que demostra que Darwin xa tiña un esbozo da teoría no 1857. Por outra, porque Alfred R. Wallace non reclamaría nin se mostraría belixerante sobre o tema. Darwin deixaría escrito á súa autobiografía que “entón eu non sabía ata que punto el tiña unha disposición nobre e xenerosa”. Wallace, á vez, sempre estaría agradecido a quen consideraba un mestre, e sempre recoñeceu que a implicación de Darwin favoreceu a acollida da súa teoría. Temos probas neste pequeno libro.

La lluita per la vida é un libro moi breve e ata emocionante na exposición que fai dos diferentes acontecementos na contorna destes dous grandes naturalistas. Non importa de que colleita proveña. É moi bo caldo.

* * * * *

DARWIN, Charles R; WALLACE, Alfred R. La Lluita per la vida. Traducció de Juli Peretó; introducció de Manuel Costa i Juli Peretó. Valencia: PUV, 2008. 89 p.; 18 cm. (Breviaris; 20). ISBN 9788437071312.

“Charles Darwin era un prolífico escritor que publicou 16 libros, participando noutros 9, e era o autor de máis que 150 artigos e notas en publicacións periódicas. Na maioría destes libros e nalgúns dos escritos Darwin empregou ilustracións como un xeito eficaz de fortalecer as súas ideas. Aínda así, era, nas palabras do seu fillo Francis, medorento coas súas mans. Así, Darwin rodeouse dunha ampla lista de ilustradores e gravadores, entre os que se atopaban algúns do máis refinados da historia: John Gould, Benjamin W. Hawkins, George B. Sowerby Jr., Walter H. Fitch, Thomas W. Madeira, Joseph Wolf, entre outros. Nalgúns dos seus libros, Darwin era tamén asistido en tarefas ilustrativas por dous dos seus fillos, George e Francis. Co tempo, e dificultado polo feito que nalgunhas edicións as firmas dos artistas foron borradas, a autoría precisa de moitas ilustracións perdeuse. Co detallado estudo da bibliografía de Darwin, e grazas ao exame de moitas das súas cartas, móstrase aquí os nomes e uns poucos detalles biográficos dos máis que 25 ilustradores e gravadores que aparecen durante o traballo de Darwin.” [Tradución ao galego por Daniel Gonzalez Martin do extracto do artigo].

www.darwin-online-org.uk

Charles Darwin (1846). Geological observations on South America. Smith, Elder. London.

Corbera, J. La il·lustració a l’obra de Charles Darwin. L’Atzavara, 19: 27-44