– Unha lectora convidada: Marta R.P. –
X
Auster, Paul. Brooklyn follies. Tradución, Eva Almazán. Vigo : Galaxia, [2006] 328 p. ; 22 cm. (Literaria: Galaxia: 227). ISBN: 84-8288-900-1.
Brooklyn Follies é unha das últimas traduccións de Galaxia que pasou polas miñas mans e estou segura que non será a derradeira. Aproveitando o “público” penso que é importante salientar o labor que tanto a editorial viguesa coma tamén Rinoceronte, Faktoria K de libros, etc, veñen facendo nos últimos anos ao publicar obras de autores estranxeiros na nosa lingua (no caso de Galaxia adiantándose incluso á publicación en castelán de “Do que estou a falar cando falo de correr”, un dos derradeiros libros de Murakami). Ter a opción de ler en galego autores internacionais é a miúdo un “privilexio” que non debería ser tal. Deberiamos ter á nosa disposición traduccións en galego ao mesmo tempo ca en castelán e así poder escoller ao noso gusto (no caso de Brooklyn follies eu non dubidaría, a edición de Galaxia non pode ser millor).
Deixando estes aspectos á marxe, pasarei á novela, que é o que aquí realmente toca.
Nathan Glass decide dar un xiro completo á súa vida despois de ter superado un cancro: deixa o traballo de toda a vida, séparase da muller e volve a Brooklyn, a cidade onde vivira de rapaz cos seus pais. Instalado na súa nova vida, un día por casualidade atopa ao seu sobriño Tom, co que había tempo que perdera o contacto.
Podería seguir facendo un resumo da trama do libro, pero deixarei as “tolerías” de Brooklyn para que cadaquén as goce á súa maneira. Pola miña parte, eu gocei moito con elas. Xa teño lido algún outro libro de Paul Auster e a verdade é que é un autor que polo de agora non me ten defraudado. Sabe escribir boas historias e crear bos personaxes, construíndo unhas realidades moi próximas ao lector e todo isto cunha narrativa moi sinxela, cousa que seguro que é ben difícil de acadar.
Estas tolerías de Brooklyn teñen un regusto positivo, ou polo menos así pasou no meu caso, aínda que ao final do libro apareza o episodio das torres xemelgas do 2001 coa súa sombra de traxedia. Auster fainos saber que o atentado cambiará o curso das cousas, que nada será coma fora ata aquel momento, máis malia este feito, eu collo a mensaxe positiva do libro: a idea das segundas oportunidades, das posibilidades de cambio nas nosas vidas. O resultado, ás veces, é positivo. Xa se sabe que quen non arrisca non gaña………..mais tampouco perde.. (unha galega non pode dicir outra cousa….)

















