desembre, 2009


7
des. 09

O paso do noroeste, de Xavier Queipo

Xavier Queipo disimula moi mal que é biólogo. Nótase en moitas das súas Cartas marcadas e   noutros dos seus títulos. Quede claro que non comento esta particularidade como cousa negativa.  Pola contra, penso que isto é unha das cousas que fan interesantes o que escribe. Tamén se nota nesta novela de aventuras ambientada no século XVIII.

O paso don noroeste narra as aventuras do capitán Duchesnoy, escollido para acadar un fito inédito até o momento, que non é outro que atopar un paso polo noroeste até o estreito de Bering para chegar deste xeito ao océano Pacífico (1). O libro está narrado dende o punto de vista dun compilador, que proba de deixar constancia do que sucedeu. O inicio da narración, que describe unha Bruxelas supostamente cosmopolita pero lingüisticamente enfrontada (p.11), faime entrar nunha atmosfera de desacougo. Duchesnoy acepta con poucas matizacións o encargo, e con actitude profesional (diriamos hoxe) prepara o Epee e máis a tripulación. Moitos son os que opinan que a viaxe é unha tolería de éxito pouco probable, que consiste nunha empresa para espertar simpatía cara a unha coroa en horas baixas. Duchesnoy abandona a súa prometida sen moitos miramentos, sen sopesar as consecuencias dunha travesía tan longa na relación da parella. Nesta primeira parte o capitán non me resulta un personaxe admirable, e máis adiante, coa resposta dada ao malentendido cos nativos, até me parece cruel.

Pero a personalidade do capitán cambia ao longo da accidentada viaxe polas costas do Canadá. Ao cruzar o atlántico recibe novas instrucións que o obrigan a desviarse do seu obxectivo científico para atacar unha fortificación inglesa. Este detalle faime pensar en como as prioridades dos gobernos ás veces, e a pesar do contexto histórico diferente, teñen a mesmo orde. No medio dun tira e afrouxa de intereses, e en condicións climatolóxicas extremas, Duchesnoy ten que liderar e esporear á súa tripulación.

Un dos compoñentes desta é o naturalista Jean-Baptiste de Lille de Mirabeau, que abandonou os estudos de medicina polos mesmos motivos que outro naturalista famoso anos máis tarde (2), formouse como físico e por iso acada o cargo de científico do barco . Mirabeau é un dos elementos da contorna a Duchesnoy que modelan a evolución da súa actitude. O capitán admírao. “Non entendo como pode falar do noso planeta con tanta precisión e con tanto coñecemento quen só pode abranguer coa súa ollada unha porción ínfima parte da mesma” (p. 51), dirá sorprendido da sabedoría do vello. Mirabeau fai a viaxe máis interesante coas súas explicacións non só ao lector, se non tamén á tripulación (capitán incluído).

Malia todo, as diferenzas entre o naturalista e o capitán son notables. Este último é un home honesto, pero home dun tempo que está a sufrir moitos cambios (a revolución francesa). Mirabeau, en cambio, é home dos novos tempos, “fala da negación das verdades universais [...], que os mundos novos tiñan que ser vividos antes que explicados e, por suposto, antes de te-la capacidade moral de criticalos”. (p. 138-139). Estas diferenzas non son motivo de conflito entre eles, pero si subliñan o acantoamento que sofre Duchesnoy, que non reencontra o seu lugar na nova situación social e política, e que non ten o recibimento merecido.

A lei de Lem

Cuberta do título

Queipo, Xavier (1996) O paso do noroeste Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. 15 x 22.5 cm, 176 p. (Medusa) ISBN-10: 84-7824-287-2.

1 Este fito é nestes días, aínda un fito imposible, ou case. Hai barcos que parece ser que xa poden atravesar unha banquisa de xeo delgada aínda que continua sen a axuda de barcos rompexeos. Desgraciadamente, parece ser que hai xente que xa está a refregar as mans coas posibilidades de que o cambio climático faga minguar a banquisa de xeo até o punto de ser navegable todo o ano.

2 Char les Darwin.


2
des. 09

Un paseo por “Ollos de auga” (10 e última)

RIMG1802puerto

Foto de Daniel Gonzalez Martin – A lei de Lem

Fotografía 22: Bar Puerto. 3 de agosto de 2009. “No Bar Puerto comíase sobre manteis de papel, aturando un ruido excesivo e, en moitas ocasións, en mesas compartidas [...]” (p. 157) Este é outro dos lugares verídicos, xunto co “Elixio”, que aparece na novela. Aquí si que estiven en máis dunha ocasión, aínda que nunca atopei a Caldas. Gustoume moito o lugar, e tamén que a camareira deste Bar fose quen lle dera ao inspector a idea de novelar o caso que tiña entre mans.

RIMG1804puerto

Foto de Daniel Gonzalez Martin – A lei de Lem

Fotografía 23: 3 de agosto de 2009. Un exemplar do título fai un cameo neste percorrido de imaxes baseado na súa lectura. Nunha desta ocasións nas que visitei o Bar Puerto, levei comigo un exemplar da Biblioteca Nodal de Vigo que estaba a ler nas vacacións.

Despídome hoxe, con tristura, deste paseo por Ollos de auga. A idea foi nun principio unha curiosidade e con ela só tiña a intención de intercalar algunha imaxe entre os meus escritos sobre libros e lecturas. Quero saudar a todos aqueles que chegaron até este blogue seguindo a pista de Leo Caldas e que  seguramente gozaron da primeira novela de Domingo Villar tanto coma min. Até un vindeiro paseo por A praia dos afogados.
;-)